quinta-feira, 18 de dezembro de 2008

Deza

Da igual que sexa en Lalín, en Forcarei ou en Silleda, anque sen dúbida esta aldea entre Silleda e Forcarei lévase a palma.


Os cumios dos montes todos branquiños en Forcarei.



Adiviñade que hotel é este ... non vale le-la placa.


Tamén aquí, en Acibeiro as veigas, fincas, terreos, herbeiras, toxeiras ... estaban cubertos de branco.

E velaquí neve en Lalín.


segunda-feira, 10 de novembro de 2008

Soutomaior

De tódo-los castelos que coñezo en Galicia, este é o meu favorito o de Soutomaior, e anque nesta visita o tempo non acompañou, ata chovendo é pra ver.
Velaquí o escudo de armas de Pedro Alvarez de Soutomaior, conde de Camiña, azote dos irmandiños.


Metade fortaleza medieval e metade palacete do séc XIV, dende o 1982 pertence á deputación de Pontevedra.

Dende o balcón das damas vemos o patio de armas e o xardín do castelo


Dentro madeira e pedra son os anfitrións, incluso nalgunhas das exposicións que se fan nel.



As cores do outono que nos acompañaron na visita ó xardín son dignas do mellor dos cadros.
E por hoxe remata a visita a este castelo ó que habemos voltar cando veña o bó tempo. Despedímonos así do val do río Verdugo, onde loitaron os nosos irmandiños séculos atrás.


quinta-feira, 6 de novembro de 2008

San Simón e San Antón

Sobor das illas que pertencen a Cesantes (concello de Redondela):
  1. Na idade media foron lugar de retiro de monxes templarios, pascualinos, benedictinos e franciscanos, que tiveron que deixalas polos contínuos saqueos de piratas coma Francis Drake.
  2. Son o tema principal dunha das cantigas de Mendinho e de outras moitas.
  3. No 1702 sufriron a batalla de rande e nela o afundimento na ría dos galeóns hispano-franceses que loitaron na guerra de sucesión española; a este feito fai mención Xulio Verne na súa novela Vinte mil leguas baixo o mar cando fala dos tesouros da ría.
  4. Do 1842 ó 1927 San Simón foi lazareto limpo e San Antón lazareto sucio (pros enfermos terminais) e non só pra leprosos senón pra todos aqueles que viñan enfermos nos barcos que chegaban a Galicia dende as américas.
  5. Do 1936 ó 1943 xunto co Upo Mendi un barco vasco fondeado ó seu carón foi un campo de concentración (e non un cárcere como nos queren facer crer) polo que pasaron máis de seis milleiros de persoas, acusadas de defenderen o seu país e as súas vidas.
  6. Logo ata o ano 1950 no que naufraga Monchita foi colonia de veraneo dos verdugos do cárcere.
  7. Do 1955 ó 1963 foi o fogar Mendez Núñez de orfos de mariñeiros, un colexio interno pra orfos e rapaces de familias pobres.
  8. Abandoadas dende o 1963 no ano 1997 son declaradas Ben de interese Cultural e comeza a súa rehabilitación ata que no 2006 se inaugura Illa da Memoria. Unha lección de istoria pra todos os que coma min, non tiveron un mestre que lles falase de toda-las inxustizas que se cometeron dende o 18 de xullo do 1936.
De camiño vemos a Ponte de Rande no medio da ría de Vigo.
A chegada foi polo peirao do capitán e a visita comezou ó outro lado dos chanzos desta escada nun carreiro que une os dous peiraos .

Igual ca esta muller así durmían os presos no campo de concentración no que inxustamente os pecharon, nuns 38 cm tendo que darse a volta todos seguidos pra non perde-lo sitio no chan.
Negra Sombra
Un adeus á muller amada.

A derradeira vontade.
Un fillo que se despide da nai pra que non vexa o estado no que os teñen presos.

Feito polos reclusos este paseo apódase de Teruel pois mandáronllo facer canda o rendemeto desa cidade e rodea a illa levandonos do peirao de almirantes por onde entraron a San Simón os primeiros presos políticos ata o peirao do capitán de onde saiu Monchita cando naufragou.


A illa está rodeada de esculturas, incluso se miramos cara redondela podemos ver un cruceiro erguido tra-lo naufraxio de Monchiña, pena non fosen máis dentro.
Velaquí a imaxe da onomástica da illa grande.

Ó carón da capela un paseo de buxos con máis de cincocentos anos que pertencían ó xardín dos primeiros monxes.

A venus da illa á sombra da palmeira do edificio onde vivían os oficiais, soldados e médicos do cárcere .
Un menhir do noso tempo, unha lapa coma as do parque de bens na Coruña pero na illa de san Simón
A ponte que une as dúas illas estivo durante o franquismo pechada con dúas cancelas das que aínda quedan as marcas nas pedras do chan da ponte.
Estatua no cemiterio dos monxes que foron os primeiros habitantes das illas.

Na illa de San Antón o antigo lazareto sucio. onde levaban os enfermos que non tiñan esperanza de cura algunha.
Antes de rematar unha pequena homenaxe diante do paredón onde tantos deixaron a súa vida.

Ata terra levounos un amiguiño moi singular, Gaspar o golfiño que namorado das nosas rías volta visitarnos ano tras ano.






Sedia-m'eu na ermida de San Simón,

e cercaron-mi as ondas, que grandes son,

Eu atendend'o meu amigo

!Eu atendend'o meu amigo!

...

Mendinho sec XIII

segunda-feira, 20 de outubro de 2008

Castiñeiras e Cotorredondo

Chegou o outono e o chan do monte encheuse de floriñas de crocus (azafrán) e o lago Castiñeiras en Vilaboa non é ningunha excepción.


Nas ribeiras do lago podemos ver as cores que o outono trae á follas das árbores que o rodean.






Velaquí unha mostra de que Cotorredondo estivo poboado, a Anta do Rei.


Por aquí subimos a un miradoiro privilexiado.
Dende o alto de Cotorredondo vemos un anaco da cidade de Pontevedra e tra-los montes que a rodean temos Cuntis, Terra de Montes ...

Velaquí un anaco da ría de Vigo con Vilaboa en primeiro plano, as illas de San Simón no medio da ría e redondela de fondo.

Pontesampaio, lugar onde pasearon a moitos do presos do cárcere de San Simón, levanos a Arcade no concello de Soutomaior e ó fondo os montes que vixían Mondariz.

Velaquí Ons e Onza na ría de Pontevedra vixiadas á nosa esquerda polo cabo Udra en Bueu.

Como miradoiro Cotorredondo é espectacular, aquí temos a ría de Pontevedra con Sanxenxo e Portonovo enfronte e ó fondo a ría de Arousa.