terça-feira, 24 de novembro de 2009

Arzúa

Cara ó remate do camiño francés a Santiago atopamonos coa terra dos queixos; a Arzúa. Un lugar onde aínda hoxe se teñen rabaños de vacas nas casas, que son as que dan leite pra nós e pra quen queira visitarnos, fixádevos no carteliño que atopamos entre a igrexa de Santiago e o albergue de peregrinos. Só paramos a comer pero deunos tempo de ver un pouquiño desta vila, aquí volo ensino.




E anque non pertenza á Arzúa, velaquí a capela de San Roque de Melide, que nos mete a cobiza de ir visitar ese pobo en canto poidamos.

segunda-feira, 19 de outubro de 2009

Ézaro

¡¡¡Galicia é única!!!
Ben, o caso é que calquera lugar do mundo é único e irrepetible, pero nós temos moitas ventaxas, non hai tanto que nomearon a praia de Rodas nas Cíes como mellor praia do mundo, temos tamén o mosteiro de San Estebo de Rivas de Sil, catalogado como o mellor dos paradores e pra colmo temos o Xallas que morre nunha fervenza na enseada do Ézaro, en Dumbría, todo un espectáculo, pero iso sí, antes teredes que mira-la páxina do concello pra saber se pensan abrir as comportas do encoro de Sta Uxía e poder ve-la caida de auga do único río de Europa que desemboca nunha fervenza. Morre con 30 metros de caida, fixádevos ben.


Dende lonxe podemos ver parte da fervenza e tamén a central hidroeléctrica e o centro de interpretación que nos axudará a entender o funcionamento do encoro e da central.

quinta-feira, 24 de setembro de 2009

Poio

¿Cal é a única ponte que ten apoio por un só lado? ... pra que non o saiba é a ponte da Barca porque ten dun lado a Poio e do outro a Pontevedra.
E na parroquia de San Xoán de Poio atopamos o seu mosteiro, berce de arxinas, hospedería e cunhas vistas incribles da ría.
Xusto diante do concello de Poio está este cruceiro que nos invita a ve-lo mosteiro.
E velaquí a porta do mosteiro, pena no poder entrar a visitalo, pois non nos daba tempo.



Anque o patrón do mosteiro sexa o San Xoan, este Santiago pelegrín recíbenos cando chegamos á entrada da hospedería.

E fronte á entrada atopamos esta fonte-capela.

Como se nota que os frades non tiñan falta de cartos ... colleita pra encher este hórreo...

E ata aquí o que vos teño pra ensinar por hoxe anque vos recomendo que no outono vos acheguedes ata o mosteiro de Poio ou ata Combarro (noutra visita ensinaréivolo) pra desfrutar dun paseiño pola fresca.

quarta-feira, 2 de setembro de 2009

Pambre

Palas de Rei, pasando Melide, camiño de Lugo, cando cambiamos de provincia atoparémonos nunha curva á dereita unha entrada cara Pambre. Ben podemos escoller a beira dereita do río, por onde iremos parar ó balneario de Pambre, ou ben pola esquerda; logo de pasa-lo oratorio de Sambreixo; unha corredoira de dous kilómetros lévanos ata el. A mágoa é que ó ser propiedade privada (can incluido), non se pode visitar, e iso que patrimonio obrigou ó dono a telo aberto uns días ó mes; o malo desa obriga é que claro, pode ser cando o dono queira, polo tanto igual se lle antolla abri-los mércores de dez a dúas e ninguén se vai achegar por non sabelo.
Aínda así, se camiñades pola Ulloa, pola Terra de Melide, ou facede-lo camiño de Santiago xa de volta, achegádevos e botade unha ollada, é incrible que sexa o único castelo medieval que se conserva enteiro en Galicia e que resistiu os embistes dos irmandiños. Agardo que vos guste.






E este é o oratorio que nos indica que imos por bo camiño cara Pambre.

Morto o can acabouse a rabia e agora xa podemos visita-lo castelo cando queiramos, ó morre-lo dono deixóulle-lo a unha comunidade de monxes de Vigo, que como non pode facerlle fronte ós gastos de restauración llo "cedeu" á deputación por un "módico prezo", noraboa a tódo-los amantes deste noso pais ¡¡¡¡¡¡¡ xa podemos visitalo!!!!!!

terça-feira, 18 de agosto de 2009

Meis

Na parroquia de San Martiño de Meis atopamos a continuación da ruta da auga, que comeza en Barrantes e remata na Armentira, unha ruta de sendeirismo que nos leva de paseo pola Aldea Labrega e os seus arredores. Velaquí vola ensino ... agardo que vos guste tanto coma a min.

E velaquí a aldea labrega ...






Pra que vexades que en Meis pensaron en todo, temos ata un merendeiro ó que lle dá a sombra todo o día, pra comer, merendar ... precioso o sitio.
Deica a seguinte.

quarta-feira, 15 de julho de 2009

Cea

O pan de Cea é unha denominación de orixe protexida, e a verdade é que vale a pena, o pan é o único que nunca falta na mesa, de feito o do acompañamento das comidas ven xusto diso "a-con-pan" algo co pan, se vos apetece achegarvos ata aló facédeo o día da festa do pan, aló polo mes xullo e despois do pan e pulpo á feira, tomadevos un cafeciño en Cea antes de ir ve-lo mosteiro Cisterciense de Oseira, o primeiro mosteiro do Cister en Galicia.
Enriba a torre do reloxo e ó fondo o concello de Cea, unha vila pequerrecha chea de fornos de leña pró pan. E velaquí unha xoia da arquitectura galega.

A igrexa do cenobio é grande e está moi ben conservada.
E se vos achegades a Cea un domingo calquera, ídevos comer onda o río e o lavadoiro que están enfronte da entrada do mosteiro, baixando entre as casas que están á dereita do arco que cruza a carretera pola que vindes de Cea.
Non só ten o río e a carballeira, tamén ten os lavadoiros que se ven abaixo (na foto) un palco prá música e os muros de pedra do que debeu ser o muiño do cenobio.