Velaquí dúas mostras do entroido agora que xa rematou:
Os Cigarróns de Verín naceron cando no medievo os señores de Monterrei os facían baixar a bater e avergoñar ós campesiños que lles debían os dezmos ó castelo. Hoxe saen dende o un de xaneiro ata rematar o entroido (en Laza os Peliqueiros só saen no entroido) facendo soar as chocas que levan no cinto (de ahí o de choqueiros).
Os traxes que levan poden ser alugados ou mercados e pasan de pais a fillos. Os panos que levan ás costas e máis as medias son da moza coa que van casar.
Cada ano no sábado de entroido un "arcebispo" "bautiza" ós novos cigarróns (vistenos diante dos asistentes) e encoméndalles manter vivo o espírito do entroido facendo soa-las súas chocas.
Anque eles si lle poden zorregar co coiro que levan na man ós que collan polas rúas, non se lles pode tocar. Anque saibamos quen son tampouco se lles pode chamar polo nome anque sí cantarlles algunha copla de escarnio.Anque se logo eles nos collen entre dous ou tres e nos levan a unha taberna estaremos obrigados a pagarlles unha cunca de viño.


Outra mostra do noso entroido son os Xenerais do Ulla, que non zorregan na xente máis as verbas téñenas ben afiadas. Percorrían as aldeas con coplas sobor das faladurías dos veciños, rememorando os encontros de antano entre "correos e Xenerais". Logo duns anos gardados, mozos dalgunhas parroquias da Estrada (anque tamén os hai en Merza, Vila de Cruces, onde acompañan ó vello dos cornos) volveron darlles vida a estes xenerais pra non perde-lo entroido do Ulla.
No museo etnográfico do castelo de Sobroso atopamos un xeneral co seu correo e a cabalo, mostra de que son coñecidas por toda Galicia as súas coplas e as afiadas linguas.
Igual que pasa cos cigarróns en Verín, as mulleres tamén forman parte desta tradición que en orixe só compuñan homes. Na foto saen dúas das "xeneralas" de Merza.
Velaquí o que o tempo do Entroido nos permitiu ver este ano, haber se pró que ven podemos coñecer as "Pantallas" de Xinzo, os "Charrúas" de Allariz, os "Felos" de Bande, os "Volantes Ribeiráns" de Chantada, as "Madamas e Galáns" de Sanxenxo, os "Peliqueiros de Laza" . . .