quarta-feira, 15 de julho de 2009

Cea

O pan de Cea é unha denominación de orixe protexida, e a verdade é que vale a pena, o pan é o único que nunca falta na mesa, de feito o do acompañamento das comidas ven xusto diso "a-con-pan" algo co pan, se vos apetece achegarvos ata aló facédeo o día da festa do pan, aló polo mes xullo e despois do pan e pulpo á feira, tomadevos un cafeciño en Cea antes de ir ve-lo mosteiro Cisterciense de Oseira, o primeiro mosteiro do Cister en Galicia.
Enriba a torre do reloxo e ó fondo o concello de Cea, unha vila pequerrecha chea de fornos de leña pró pan. E velaquí unha xoia da arquitectura galega.

A igrexa do cenobio é grande e está moi ben conservada.
E se vos achegades a Cea un domingo calquera, ídevos comer onda o río e o lavadoiro que están enfronte da entrada do mosteiro, baixando entre as casas que están á dereita do arco que cruza a carretera pola que vindes de Cea.
Non só ten o río e a carballeira, tamén ten os lavadoiros que se ven abaixo (na foto) un palco prá música e os muros de pedra do que debeu ser o muiño do cenobio.






sexta-feira, 10 de julho de 2009

Santa Tegra

Vide comigo e ensinareivos a morte do Miño e como non o castro de santa Tegra, dende o Baixo Miño e dende a casa dos nosos veciños portugueses como é Vilanova da Çerveira.

Dun lado de Sta Tegra morre o Miño e do outro vixia a Guarda.

E subindo á ermida atopamos un castro celta descuberto no 1913 cando excavaron pra face-la carretera pra subir á capela.






Velaquí o esteiro do Miño á esquerda o Rosal e Tomiño e á dereita o Seixo en Portugal.

Un ferri une Camposancos e Camiña, dende as abas da sta. Tegra ó veciño Portugal.
Do outro lado do río a ponte da amizade une Goián (en Tomiño) e Lovelhe (en Vilanova da Çerveira)
E velaquí os causantes do nome de Vilanova ... que antes corrían ceibes anque agora estén case extinguidos.
E ata acó chegamos ... deica outra viaxe.